26 abr 2024

Arranca a coordinación da Xunta da marca turística do norte peninsular co compromiso de reforzar a internacionalización e crear sinerxías co ecoturismo

Reunión España Verde

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na primeira Comisión de Seguimento neste 2024 da marca turística España Verde, que este ano coordina a comunidade autónoma galega. No encontro tamén participaron a viceconselleira de Turismo do Goberno do Principado de Asturias, Lara Martínez; o director xeral de Turismo do Goberno de Cantabria, Gustavo Cubero; o viceconselleiro de Turismo e Comercio do Goberno Vasco, Jesús Mª García de Cos e a subdirectora xeral de Marketing de Turespaña, Blanca Pérez-Sauquillo.

 
Xosé Merelles puxo de manifesto o compromiso de Galicia para estender durante este ano a marca a máis destinos internacionais “para facer máis forte tanto a marca como cada un dos destinos cun modelo turístico común que pode beneficie ao sector e residentes de todas as comunidades da marca”. Tamén falou da oportunidade de crear sinerxías ao redor dun elemento común en todas as comunidades: o ecoturismo. 
 
Neste sentido avanzouse sobre a situación dun dos proxectos máis ambiciosos do que se verán os resultados ao final deste ano. Trátase do Corredor de Ecoturismo da España Verde, co que se pretende crear o maior corredor ecoturístico de Europa co financiamento dos fondos Next Generation. 
 
Corredor ecoturístico este ano
 
Nestes momentos, empresas turísticas de cada unha das comunidades están a deseñar os produtos que formarán parte desta gran ruta que atravesará os principais lugares de especial interese natural da España Verde. Participan espazos naturais protexidos e empresas vinculadas á observación da fauna, aloxamento, empresas e turismo activo, entre outras.
 
Durante este ano está previsto, ademais, intensificar a promoción internacional. Están previstas inicialmente acción en colaboración coas oficinas de turismo de España nas cidades de Nova York, Londres, Berlín, Viena, Zurich, Milán, Roma ou París, entre outros moitos. Os plans de Galicia pasan tamén por impulsar o Camiño de Santiago como feito diferencial que vertebra ás Comunidades da España Verde.
 
Arriba
Axúdanos a mellorar!