Os concellos que integran este xeodestino son: Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia.

Na Limia cultívanse unhas das mellores patacas de Galicia. En Xinzo de Limia celebran por todo o alto dúas grandes festas. Unha é "O Entroido", que transcorre durante 5 domingos e é un dos entroidos máis antigos e estrambóticos de toda España. A outra é a "Festa do Esquecemento" que conmemora o paso do río Limia polas tropas romanas. As lexións que chegaron ata aquí negábanse a cruzalo crendo que quen o facía perdía memoria... Ata que Décimo Junio Bruto o cruzou e desde a outra beira foi chamando a cada soldado polo seu nome. Así acabou coa lenda e así comezou a festa.

Patrimonio

A explanada da Limia está defendida por catro torres. Tres delas non deixan indiferente a ninguén. Son: Sandiás (un exemplo de como desafiar a verticalidade), A Pena (en Xinzo de Limia, dominando a parte máis setentrional e en moi bo estado) e (concello de Porqueira), e unha máis da que quedan ruínas no alto dun monte que permite admirar toda esa chaira (Celme, en Rairiz de Veiga).

Entre as moitas igrexas pódese destacar a de Bon Xesús de Trandeiras en Xinzo de Limia.

Espazos naturais

O Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés prolóngase cara ao norte por ZEC-Red Natura 2000 Baixa Limia. Xunto co territorio luso do Parque Nacional da Peneda-Gerês, forma a Reserva da Biosfera Transfronteiriza de Gerês-Xurés nestes espazos inclúese o municipio de Calvos de Randín.

Unha minúscula veiga onde todos os anos recalan as cegoñas é tamén Rede Natura: a de Ponteliñares, xa no municipio de Rairiz de Veiga e pegada ao leito polo que corre o Limia.

Por outra parte, o mencionado municipio de Rairiz de Veiga forma parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz e conta cun monumento natural: a Carballa da Rocha.

No municipio de Calvos de Randín podemos visitar a Fervenza de Vilariño e no de Porqueira realizar un paseo polas Fervenzas do río Fírbeda.

Festas e gastronomía

O Entroido de Xinzo de Limia (que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional) é unha cita que cada ano atrae máis xente. De Interese Turístico Galego é a Romaría da Saínza, un incruento combate xa varias veces centenario que anualmente enfronta nesa pequena localidade (pertencente a Rairiz de Veiga) a mouros e cristiáns, coa esperada derrota dos primeiros a pesar de que ocupan de partida o castelo, unna pequena e singular construción (celébrase pola Mercé, en setembro).

Arriba
Axúdanos a mellorar!