Este xeodestino está composto polos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribeira de Piquín e Sarria.

A serra dos Ancares esténdese por Lugo, no límite con Asturias e León. É un dos maiores espazos naturais de Galicia. A súa importancia en riqueza natural e paisaxística reflíctese nos seus espazos da Rede Natura 2000 e a súa pertenza a tres Reservas da Biosfera: a reserva verde. Carballos, castiñeiros, faias, abeleiras. Unha paisaxe de montaña que, debido ao seu difícil acceso no pasado, conservou a beleza do auténtico. É o territorio do lobo, o gato montés, o xabaril, o corzo... E o último reduto do oso pardo en terras galegas.

A importancia deste xeodestino está realzada polo feito de que varios de dos seus municipios pertencen a tres Reservas da Biosfera. Os municipios de Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín están incluídos na Reserva da Biosfera de Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Os de Baralla, Meira, Pol e Láncara na de Terras do Miño. E por último, os de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna a dos Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá.

Patrimonio

O patrimonio relixioso destas terras fai xurdir prodixios de pedra entre a frondosa vexetación. En Becerreá fai falta visitar a igrexa de Santa María de Penamaior; nas Nogais, a igrexa de Santo André con interesantes pinturas murais. E os conventos como o de Santa María de Meira ou o convento de Santa María Magdalega dos Mercedarios en Sarria, son só algúns exemplos do rico patrimonio monumental desta parte de Galicia.

Tamén a arquitectura fortificada ten representación no territorio. Admirables exemplos de construcións defensivas son o castelo-fortaleza de Burón (na Proba de Burón-A Fonsagrada), o castelo de Navia de Suarna ou a torre de Doncos e a fortaleza de Torés nas Nogais e o castelo de Doiras en Cervantes ou o torreón da vella fortaleza de Sarria.

Na zona consérvanse tamén restos da época castrexa e prerrománica, como as pallozas de Piornedo (convertidas algunhas delas en museo etnográfico.

Os peregrinos do Camiño Primitivo entran en Galicia polo Porto do Acevo na Fonsagrada. A tradición di que o topónimo de Fonsagrada (fonte sacra) orixinouse debido a unha fonte que había na vila vinculada a un milagre do Apóstolo Santiago, quen foi atendido hospitalariamente por unha pobre viúva e como agradecemento o Apóstolo converteu en leite fresco a auga dunha fonte para os fillos da muller.

Neste xeodestino podemos desfrutar da súa riqueza etnográfica con distintos museos como a Palloza-museo Casa do Sesto na aldea de Piornedo (Cervantes) xa de seu un espazo de grande interese. Outros espazos museísticos son o Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria en Láncara e o Museo etnográfico do Pan en Sarria.

Espazos naturais

No que respecta aos espazos naturais deste xeodestino, que é en si mesmo natureza en estado puro, hai que salientar que Os Ancares ten a consideración de Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000, tanto polo seu interese xeolóxico, como pola súa consideración de gran reserva verde de Galicia. É ademais ZEPA e Reserva Nacional de Caza, así como Zona de Especial Protección do Oso Pardo.

Están incluídos na citada rede de espazos naturais varias zonas como os bosques de Carballido e o da A Marronda, a área de Negueira cun relevo accidentado e con fermosos contrastes naturais. Sen esquecer o espazo Cruzul-Agüeira formado por bosques de aciñeiras, carballos ou castiñeiros dependendo da altitude. Os municipios de Pedrafita do Cebreiro e das Nogais están dentro do espazo natural do Courel.

Festas e gastronomía

A fin de semana anterior ao Entroido enxálzase un embutido propio destas terras coa Feira do Butelo na Fonsagrada. O primeiro de maio ponse en valor a carne de vitela na Feira da Tenreira Galega en Láncara. Mais tamén hai festas de interese etnográfico como a Festa da Malla de Meira.

Arriba
Axúdanos a mellorar!